A novela do título é unha novela extraordinaria, un gran novela, unha novela que todos deberíamos ler e reler, unha obra marabillosa: ilustrativa, divertida…
Eu, que como doadamente podedes imaxinar, xa a lin varias veces, inda choro coa emoción nalgún capítulo…
Xa o di o propio autor no limiar:
Desde a miña óptica este é unha novela untuosa, golosa, con corpo, que non debe ser enfriada demasiado (mellor, lixeiramente fresca) para poder así percibir a gama aromática –froitas silvestres maduras, cítricos, mazá… notas suaves no padal-, unha novela pecaminosa como pecaminosos son todos os santos e mártires do calendario.
De seguido vai unha mínima escolma dos seus centos de páxinas:
O feito de casar coa Silvina marcou un antes e un despois en moitos ámbitos da miña vida e un deles o culinario.
Antes dese infortunio –o do casoiro- eu era todo un “supremo” no mester de aliñar ensaladas de todo tipo, no de fritir ovos con patacas e chourizos, costelas asadas, no de inventar revoltos diversos, preparar sardiñas de lata con cebola e pemento picante –grazas ao maxisterio do avó-… e cando quería comer algo con xeito (un caldo, uns callos, un pescado á prancha…), pois… o restaurante.
A Silvina facía moi ben as pizzas mercadas nas piserías, os iogures do supermercado e se lle cadraba a tortilla francesa… A nena era filla dunha familia ben, “con servizo”, dun barrio chic da capital e aínda que vivía nun apartamento soa ía a comer todos os día “coa mamá”.
Aos seis meses da vida marital, eu xa estaba ata os fociños (e se perdo a educación: ata os collóns), ata os cornos do “Jose para aquí, Jose para alá”.
-- Eu non me chamo Jose nin José, o meu nome é Xosé e se o de Xose sen acento gráfico desafina pois…
-- Non vexo por que fas bandeira dunha cousa tan pouco importante, tan nimia, de algo tan irrelevante. É unha forma cariñosa…
-- ¿Cariñosa...? ¿Dis cariñosa…? Un respecto ao Rexistro Civil. Non me amotino pero o afecto ou o cariño non rifa con…
-- Xa vexo que no canto de falar de amor falas de afecto.
-- En todo caso o-i-rás ¿ou ti ves polas orellas…? O dos afectos é moi complexo e aí tamén se acubilla o amor.
-- Deixa a cousa así. Non paga a pena…
Un, na súa estadía entre os humanos, ben puido ter xogado roles que non xogou: futbolista do Madrí ou do Barcelona, o número un mundial do tenis, xogador da NBA… deportista famoso e millonario. ¿E por que non un escritor que vende libros a esgalla…? Non estaría mal ser un deses arquitectos que proxectan “os monumentos modernos” (bibliotecas, casas de música, museos…), ou un actor de cine guapo e con “caché”. Tampouco desbotaría ser un empresario gran-explotador-especulador, un alto executivo dunha multinacional, un director dun dos bancos importantes, non sei, un gran estafador, ladrón con sorte…
A Gran Depresión (e o meu avó), Roosevelt e Hitler ao poder, as guerras (a primeira mundial, a segunda, a canonizada como civil, a fría…) e así.
O meu avó.
-- Avó, e cando o do negro aquel que asasinaches…
-- ¿Ti estás por amolar…?
-- Non, non. Cando o do incidente aquel, o FBI, a CIA, os matóns do xerif ou quen fora o responsable da orde pública ¿non investigaron…?
-- Neses anos a vida dos negros –é triste dicilo pero é así- non tiña gran valor. Considérao un asunto por resolver. No caos…
-- ¿Un misterio…?
-- Como che teño dito, eu non agardei a ver o resultado. Se o home morrera nada había que facer. Se chego a quedar hoxe non estaría aquí senón nun cemiterio calquera. O linchamento… mellor non falar disto.
¿E o do divorcio…?
E o causante do noso divorcio, sen dúbida ningunha, fun eu. E todo por ser honesto, por non andar con ollo, por abrir o peito e decir en todo momento o que pensaba, sen taparrabos (eu facíao de bo grao), por contarlle á Silvina as miñas experiencias máis íntimas sen panos quentes: cando vou camiñando por unha beirarrúa e diante miña vai unha rapaza (ou non tan rapaza) e vexo como move o corpo, con esas nádegas, esas cachas tan feitiñas que tal semellan dúas medias laranxas…
E así fun de sincero, de inocente… e así me foi.
DESDE MAÑÁN, DÍA 9-9-9, PÓDESE DESCARGAR (E LER) TOTALMENTE GRATIS POIS ESTÁ SITUADA AÍ, A CARÓN.
|